O Pacto Galego contra a Pobreza

Este pacto é unha proposta da Coordinadora Galega de ONGD negociada cos grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia, baseado no texto aprobado por unanimidade pola Asemblea Xeral Extraordinaria da Coordinadora Galega de ONGD celebrada en Santiago de Compostela o 21 de novembro de 2009, tal como se firmará o 16 de outubro de 2010. Tamén se pode descargar en .pdf aquí.

Borrador Definitivo do Pacto Galego contra a Pobreza

1. Exposición de motivos

2. Coidamos

3. Orientacións políticas

4. Medidas de xestión

5. Coherencia de políticas

6. Iniciativas lexislativas

1. Exposición de motivos

As persoas abaixo asinantes, representantes da sociedade civil galega e das forzas políticas que reflicten a pluralidade democrática de opcións representadas no Parlamento de Galicia, somos conscientes de que:

1. A persistencia da pobreza e a desigualdade no mundo de hoxe é inxustificable; de que é una responsabilidade colectiva e de que existe un imperativo ético, social, político e económico que nos obriga a contribuir á súa erradicación.

2. Os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), proclamados na Asemblea Xeral das Nacións Unidas do ano 2000, e ratificados na Asemblea Xeral de 2005, constitúen un marco axeitado para avanzar, no medio prazo, na erradicación da pobreza.

3. A adhesión de España á Declaración do Milenio e aos seus contidos constitúe un forte elemento de consenso político e social, tal e como se deduce da vontade xeral da cidadanía por manter unha política de solidariedade activa cara aos países empobrecidos.

4. O actual modelo de desenvolvemento económico e as actuais regras do comercio internacional seguen a mostrar a súa insostenibilidade e a súa ineficacia de cara a asegurar o desenvolvemento humano que desexamos verdadeiramente.

5. A intolerable persistencia das grandes maiorías excluídas en todo o mundo segue a mostrar que os factores que perpetúan a súa exclusión permanecen intactos. A inmigración é, quizais, a máxima expresión desta exclusión e desigualdade.

6. En resposta ao anterior, resolvemos concretar a devandita vontade da cidadanía nun pacto político pola erradicación da pobreza no mundo. Isto leva necesariamente a que os principios e aspectos chave da política de cooperación teñan continuidade, independentemente do partido político que en cada momento exerza a acción de goberno.

2. Coidamos

As forzas políticas, reflexo da pluralidade democrática da cidadanía galega representada no Parlamento de Galicia, coidamos:

1. Que existe un imperativo ético, social, político e económico, así como os medios reais ao noso alcance para lograr o obxectivo de erradicar a pobreza no mundo mediante a acción enérxica e responsable da cooperación internacional a nivel autonómico e local.

2. Que os informes publicados polo PNUD mostran con claridade que os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), proclamados na Asemblea Xeral das Nacións Unidas do ano 2000, corren serio perigo de seren incumpridos nunha grande parte dos países do mundo, podéndose observar que os progresos logrados son insuficientes e desiguais.

3. Que existe unha importante vinculación entre a economía solidaria, que contempla o consumo responsable, o comercio xusto, as finanzas éticas, e mais as empresas socialmente responsables e a loita contra as causas da exclusión e da pobreza.

4. Que a adhesión de España á Declaración do Milenio e aos seus contidos constitúe un forte elemento de consenso político e social, tal e como se deduce da vontade xeral da cidadanía por manter unha política de solidariedade activa cara aos países empobrecidos. Garantir o cumprimento de ditos obxectivos require dun esforzo por parte da comunidade internacional, esforzo ao que Galicia debe contribuír desde o maior dos compromisos.

5. Que o apoio da Comunidade Autónoma de Galicia á devandita Declaración do Milenio a través deste Pacto contra a Pobreza é froito da vontade da cidadanía e da mobilización social ao longo dos últimos decenios.

6. Que é necesario actualizar os compromisos adquiridos no pasado para lograr un cumprimento efectivo dos mesmos, e incorporando as novas realidades políticas e sociais.

7. Que é necesario un Pacto Autonómico entre todos os partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia para contribuir á erradicación da pobreza.

3. Orientacións políticas

A política a desenvolver no eido da cooperación internacional ao desenvolvemento debe ter unha orientación clara dirixida a:

a. Garantir unha política autonómica de cooperación ao desenvolvemento orientada á consecución dos ODM sen estar condicionada por outros intereses políticos, comerciais ou económicos.

b. Garantir de xeito eficaz o impacto da Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD), promovendo intervencións que fomenten o desenvolvemento local a través da xeración de capacidades e a transformación social dos países empobrecidos.

c. Cumprir os compromisos internacionais adquiridos sobre harmonización e aliñamento da axuda de acordo cos principios subscritos na Declaración de París así como os principios do Consenso Europeo de Desenvolvemento.

d. Reforzar as actividades do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como ámbito colexiado de negociación e consenso da política de cooperación galega, poñendo especial atención á necesidade de coordinación entre a administración autonómica e as locais.

e. Recoñecer o papel das ONGD como actores relevantes da sociedade civil organizada na política de cooperación, apoiar o seu fortalecemento e fomentar a participación e o diálogo social.

f. Fomentar a sensibilización, a formación e a investigación sobre a pobreza e a desigualdade entre a cidadanía galega.

g. Empregar a acción humanitaria como ferramenta da cooperación atendendo a criterios de eficacia, eficiencia e pertinencia.

h. Garantir que a cooperación galega ao desenvolvemento estea xestionada por institucións axeitadas ao reto actual con capacidade de xestión, flexibilidade e coñecementos, o que supón dotalas de acaídos recursos humanos, financeiros e técnicos.

i. Garantir o principio de transparencia en todas as institucións involucradas na cooperación ao desenvolvemento para que a cidadanía galega coñeza polo miúdo calquera acción ou decisión relativa á axuda oficial ao desenvolvemento da Xunta de Galicia.

l. Canalizar os fondos cara ás persoas que máis o precisan, dando prioridade ás súas necesidades básicas, desde unha perspectiva de dereitos humanos con enfoque de xénero.

4. Medidas de xestión

4.1. Axuda ao Desenvolvemento

A Xunta de Galicia desenvolverá a súa tarefa de goberno co obxectivo de:

a. Manter un esforzo en materia de Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) que garanta que, antes do remate do 2017, alomenos o 0,7% do orzamento consolidado da Xunta de Galicia estará adicado a esta finalidade, tal e como obriga o artigo 29.1 da Lei 3/2003 de cooperación.

b. Elaborar, xunto aos orzamentos anuais, un informe que recolla de xeito integrado os créditos das distintas Consellerías e organismos públicos destinados a financiar programas de AOD.

c. Asegurar unha porcentaxe mínima de recursos de cofinanciamento de proxectos xestionados por ONGD e outros axentes de cooperación do 50% do orzamento da AOD, en sintonía co incremento total anual da mesma, recoñecendo o seu papel como actores relevantes na política de cooperación, apoiando o seu fortalecemento e fomentando a súa participación e o diálogo social, a través da Coordinadora Galega de ONGD.

d. Impulsar que todas as administracións públicas galegas (entidades locais e supramunicipais) tendan a adicar alomenos o 0,7% dos seus orzamentos consolidados a AOD.

e. Crear a Axencia Galega de Cooperación ao Desenvolvemento para que coordine e homoxenice todos os esforzos da Comunidade Autónoma en materia de AOD e acción humanitaria.

f. Orientar as prioridades sectoriais cara aos Servizos Sociais Básicos –saúde, educación e prestacións sociais-, garantindo que a AOD destinada a estes en ningún caso sexa inferior ao 30% da AOD sectorialmente distribuíble.

g. Destinar alomenos o 25% do orzamento en AOD aos clasificados como Países Menos Adiantados (PMA), con atención especial á África subsahariana.

h. Destinar a accións de educación para o desenvolvemento e sensibilización un mínimo do 10% do orzamento en AOD, como parte esencial da política de cooperación, facilitando instrumentos que favorezan a continuidade e plurianualidade das accións.

i. Garantir que todos os proxectos leven consigo un seguimento e avaliación sistematizada e socializada, contando coas poboacións e organizacións do sur. Estes deberán garantir o cumprimento da dimensión de xénero, a sostenibilidade, o respecto ao medio ambiente e a súa incidencia na gobernanza.

l. Incorporar á planificación da política de cooperación ao desenvolvemento unha avaliación e planificación participativa e sistematizada así como unha proxección orzamentaria polo miúdo, indicando as porcentaxes previstas por sectores e instrumentos de todas as partidas destinadas a cooperación.

m. Reflectir na memoria anual da Cooperación Galega os criterios seguidos en todas as intervencións en materia de cooperación, así como as cantidades concretas correspondentes a cada modalidade de cooperación internacional, a través dos instrumentos e medios correspondentes consonte ao principio de transparencia.

n. Garantir a estabilidade e a independencia do contexto político nas convocatorias de subvencións de cooperación.

o. Promover a elaboración dunha diagnose para priorizar rexións xeográficas e sectores de actuación nos países, potenciando a coordinación dos axentes galegos que interveñen alí e das súas contrapartes.

p. Coordinar as políticas galegas en AOD coas do Goberno de España e as do resto de gobernos autonómicos, participando e fortalecendo a Conferencia Sectorial de Cooperación ao Desenvolvemento, consonte á Declaración de París sobre Eficacia da Axuda e á Axenda de Acción de Accra.

4.2. Débeda externa

Por mor de que as Comunidades Autónomas son parte da Administración do Estado, no seu eido competencial, o Goberno galego potenciará campañas de sensibilización e apoiará medidas para a cancelación da débeda económica a pagar polos países empobrecidos, evitando así unha das causas do empobrecemento de millóns de persoas dos países máis desfavorecidos.

5. Coherencia de políticas

5.1. Comercio xusto e consumo responsable

Promoverase o comercio xusto e o consumo responsable entre a cidadanía galega, mediante:

a. A difusión e sensibilización da poboación sobre o comercio xusto e o consumo responsable como ferramentas de cooperación, solidariedade e diminución das desigualdades existentes.

b. A potenciación do consumo de produtos de comercio xusto nas Administracións Públicas galegas e nas adxudicacións e concesións que delas dependan no marco do desenvolvemento da compra pública ética, con base en criterios sociais e medioambientais.

c. A incorporación de produtos de comercio xusto en todo tipo de centros públicos (hospitais, centros educativos, universidades…) sendo o Parlamento de Galicia a primeira institución que opte por ofrecer este tipo de produtos nas súas instalacións.

d. Promover, no marco das súas competencias neste eido, a redución e eliminación de subvencións a materias primas, evitando deste xeito a competencia desleal cos países do Sur.

e. Fomento de hábitos de consumo responsable por parte das Administracións Públicas.

5.2. Fomento da economía social

Apoiaranse as iniciativas representativas de economía social en Galicia mediante:

a. O fomento da filosofía da economía social e a sensibilización da cidadanía verbo dos seus beneficios sociais.

b. O apoio á creación de empresas de economía social for cal for a súa forma xurídica, apoiando especialmente ás cooperativas de traballo asociado e sociedades laborais en Galicia e nos países do Sur coas súas formas xurídicas equivalentes. Este apoio terá como obxectivo a satisfacción das necesidades básicas (sanidade, alimento, cultura, educación e vivenda) tanto nos países do Sur como en Galicia para aqueles colectivos en risco de exclusión social ou pobreza.

c. O apoio ás redes de información e comercialización das empresas de economía social entre os países do Sur e Galicia.

d. A incorporación de criterios de responsabilidade social corporativa en todas aquelas relacións contractuais e comerciais que realicen as Administracións Públicas. Incorporaranse, asimesmo, este criterios nas relacións laborais, explotación de recursos e nas relacións coa cidadanía e medioambiente.

5.3. Finanzas éticas

Promoveranse as finanzas éticas mediante:

a. O apoio das Administracións Públicas (convenios de colaboración ou outros mecanismos) á consolidación de instrumentos financeiros alternativos ou de banca ética, que favorezan o aforro e o investimento socialmente responsable en Galicia.

b. A potenciación entre as entidades e a cidadanía dos produtos financeiros éticos e solidarios, así como os fondos de investimento éticos.

c. Promoción de novas prácticas de responsabilidade social por parte dos actores financeiros, en especial aqueles onde a Administración Pública ten presenza (Caixas de Aforro).

5.4. Inmigración

Impulsarase a integración da poboación inmigrante en Galicia, apoiando medidas que favorezan cauces de acceso consonte á Declaración Universal dos Dereitos Humano. Esta integración debe contemplar os dereitos das persoas inmigrantes e as súas familias, for cal for a súa orixe e condición. Mirarase pola coherencia e complementariedade entre as políticas de inmigración e cooperación, de xeito que ambas as dúas contribúan ao desenvolvemento dos países do Sur.

5.5. Cambio climático

Estableceranse as directrices que orientarán os Planos Municipais de Loita contra o Cambio Climático e que deberán contemplar como mínimo, os seguintes aspectos:

1. Inclusión de obxectivos e medidas de redución até o 15% de emisións de gases de efecto invernadoiro nos planos estruturais de cada concello: Plan Xeral de Ordenación Urbana, Plan de Mobilidade e Ciclo Sostible e Planos de Fomento Industrial, entre outros.

2. Desenvolvemento de campañas de educación medioambiental e boas prácticas para a implicación cidadá en materia de redución de CO2 e mitigación dos problemas asociados a este fenómeno.

5.6. Equidade de xénero

Apoiaranse e promoveranse medidas para eliminar a discriminación por motivos de xénero así como as inequidades entre homes e mulleres a través da canalización de fondos a estratexias que fomenten o cumplimento dos dereitos humanos na vida das mulleres. Promoveranse acción que garantan:

– O aceso das nenas e as mulleres á alfabetización e educación básica, á atención sanitaria, á auga potable e ao saneamento básico.

– O cumprimento dos dereitos económicos, civís, políticos, xurídicos, culturais, sexuais e reproductivos das nenas e as mulleres

– A erradicación da violencia de sexual, explotación e trata de mulleres, a violencia de xénero e o feminicidio.

5.7 Educación para o desenvolvemento

Fomentar entre a cidadanía galega a Educación para o Desenvolvemento como un proceso de información, sensibilización e actuación sobre a pobreza e a desigualdade.

6. Iniciativas lexislativas

Os grupos políticos representados polas persoas abaixo asinantes comprométense no seu exercicio parlamentario e nas súas responsabilidades nas Administracións que participan, a deseñar e promover as políticas necesarias para cumprir cos obxectivos deste Pacto:

a. Promover a sinatura de pactos locais contra a pobreza.

b. Reformar a normativa relativa a subvencións de cooperación (Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia) a través do desenvolvemento da disposición adicional 18a da Lei 38/2003, Xeral de Subvencións de España para asegurar que recolle axeitadamente as especificidades da cooperación internacional como un ámbito propio de actuación, sen que iso supoña rebaixar substancialmente as garantías que se deben dar na xestión de fondos públicos.

c. Avanzar no desenvolvemento que require o Estatuto dos Cooperantes ao nivel autonómico galego.

Crearase unha Comisión Extraparlamentaria de Seguimento do Pacto con compromiso de datas de reunión, que inclúa ás forzas políticas asinantes e unha representación da Coordinadora Galega de ONGD, así como aos axentes económicos e sociais, que se reunirá de xeito anual para realizar un seguimento e avaliación de cumprimento deste Pacto. Para isto cada partido político designará á persoa encargada do seu seguimento. Esta Comisión impulsará a sinatura de pactos locais contra a pobreza.



Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s