100 Km x 1 Pacto=Pobreza 0
Camiña cara o Pacto Galego contra a Pobreza
A crise que hoxe vivimos é consecuencia dun modelo económico inxusto que afecta aos sectores máis vulnerables da sociedade. Mentres o desemprego aumenta e prodúcense continuos recortes sociais que fan que milleiros de homes e mulleres se enfrenten á cara máis dura da crise, as maiores fortunas do mundo incrementáronse nun 30%.
Esta crise non afecta a todas as persoas por igual e mentres unhas tiveron que renunciar a algunhas comodidades, outras moitas están perdendo o pouco que teñen. Por iso non deberíamos esquecer os efectos e as causas reais desta crise sobre as poboacións mais vulnerables. Deste xeito, ante o evidente fracaso dun modelo que se amosou inxusto, a solidariedade entendida en termos de xustiza social debe ser agora máis que nunca un valor en alza, e a cooperación cos países empobrecidos unha obrigación.
Estamos nun momento determinante, unha oportunidade de cambio que amose que a mellor saída da crise é a solidariedade internacional baseada nun sentido da xustiza, co reforzo de políticas que poñan en valor o decrecemento do hiperconsumo, o reforzo das producións orgánicas e sostibles, a economía produtiva fronte a especulativa e o valor da cooperación fronte á competitividade.
A poboación galega non pode quedarse impasible, precisamos Cidadáns Activos que se mobilicen e expresen o seu rexeitamento ao modelo económico, político e social que esta xenerando pobreza extrema, desigualdade e exclusión de millóns de persoas. Situacións ata agora lonxanas que hoxe estamos a coñecer de preto.
A loita contra a pobreza e cousa de todos nós, e a súa erradicación debe ser o resultado dunha aposta decidida polo cambio nas nosas políticas económicas e sociais.
Non podemos esquecer que en setembro do ano 2000, 189 xefes de estado e de goberno do mundo reuníronse en Nova Iorque no chamado Cume do Milenio, convocado por Nacións Unidas. A declaración final aprobada, os chamados Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, incluía, entre outras cousas, o compromiso de traballar na consecución duns obxectivos e metas para reducir a pobreza no mundo á mitade no ano 2015. Trátase duns obxectivos de mínimos, como punto de partida para erradicar a pobreza extrema, promover a dignidade humana e a igualdade, acadar a paz, a democracia e a sostenibilidade ambiental.
En 2010 cúmplense dez anos desde a sinatura e os avances son tan mínimos que as cifras de pobres no mundo acadan os 1000 millóns de persoas, sen que se vira unha aposta decidida dos gobernantes pola loita contra a pobreza a pesares de declararse este ano como Ano Europeo de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social.
As ONG de Desenvolvemento (ONGD) galegas estamos firmementes convencidas de que Galicia non pode ser allea á realidade da pobreza no mundo e ás súas dramáticas consecuencias, polo que non podemos escudarnos na crise financeira para deixar de lado a miles de persoas que depende do noso apoio para poder vivir con dignidade. A crise actual do Norte é a crise de sempre do Sur. As causas da pobreza e a desigualdade que hoxe coñecemos, levan ameazando a vida de millóns de persoas no mundo desde hai décadas.
A cidadanía galega ten nas súas mans evitar que se conciba a Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) como un luxo para tempos de boanza, ou como unha esmola para cando as arcas están cheas. Ao contrario, é unha necesidade vital para millóns de persoas vulnerables, e é de xustiza. Por iso este ano esiximos aos nosos representantes políticos a sinatura dun Pacto Galego Contra a Pobreza. Porque:
-Existe un imperativo ético, social, político e económico, asi como os medios reais ao noso alcance, para lograr o obxectivo de erradicar a pobreza no mundo mediante a acción enérxica e responsable da cooperación internacional a todos os niveis, incluindo o autonómico e local.
-Os informes publicados polo PNUD amosan con claridade que os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), proclamados na Asemblea Xeral de Nacións Unidas no ano 2000, corren serio perigo de seren incumpridos nunha grande parte dos países do mundo, podéndose observar que os progresos logrados son insuficientes e desiguais.
-Existe un importante vínculo entre a loita contra as causas da exclusión e da pobreza e as iniciativas de economía solidaria que inclúen o consumo responsable, o comercio xusto, as finanzas éticas, e as empresas socialmente responsables. Tamén o hai coa busca da equidade de xénero, a sostenibilidade ambiental, a defensa das culturas e os pobos ou o uso responsable da tecnoloxía como ferramenta para o desenvolvemento humano.
-A adhesión de España á Declaración do Milenio constitúe un forte elemento de consenso político e social, tal e como se deduce da vontade xeral da cidadanía por manter unha política de solidariedade activa cara aos países empobrecidos, que tamén se reflectiu na sinatura do Pacto Estatal Contra a Pobreza. Garantir o cumprimiento destes manifestos require dun esforzo, esforzo ao que Galicia debe contribuír desde o maior dos compromisos.
-O apoio da Comunidade Autonoma de Galicia á devandita declaración do Milenio a través desde Pacto Contra a Pobreza é froito da vontade da cidadanía e da mobilización social ao longo dos ultimos decenios.
-É básico actualizar os compromisos adquiridos no pasado para lograr un cumprimento efectivo dos mesmos, incorporando as novas realidades políticas e sociais.
-É necesario un Pacto Autonómico entre todos os partidos politicos con representación no Parlamente de Galicia para a erradicación da pobreza como representantes da poboación que busca un cambio.
PODEMOS SEGUIR FALANDO DE POBREZA, OU ERRADICALA.
Camiña por un Pacto Galego contra a Pobreza, porque sabemos que podemos acabar con ela. Só falta vontade política e compromiso social.