Por que se fai o Camiño polo Pacto? Que se pretende conseguir exactamente?
Buscamos a sinatura do Pacto Galego contra a Pobreza. Redactouse un borrador baseado no Pacto de Estado contra a Pobreza (documento asinado en 2007 por todos os partidos políticos con presenza no Congreso dos Deputados) que xa se rematou de negociar cos tres grupos políticos con representación parlamentaria no Parlamento de Galicia. En breve poderedes ver a versión definitiva. A iniciativa busca fortalecer a aposta dos e das políticos/as pola Loita contra a Pobreza, como mostra da vontade da sociedade civil galega, máis aló dun período de goberno concreto: se trata dunha carreira de fondo no que toda a cidadanía debe estar implica. A data prevista da sinatura é o 16 de outubro.
Quen o organiza?
O grupo impulsor da iniciativa son todos os movementos sociais que están detrás da campaña Pobreza Cero e a Coordinadora Galega de Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento (CGONGD). En total, representan máis de 400 organizacións e actores da sociedade civil galega e española que colaboran en rede con organizacións de máis de 100 países.
Onde e cando se realizará cada etapa?
As etapas previstas son:
Luns, 11 de outubro: Sarria-Portomarín.
Martes, 12 de outubro: Portomarín-Palas de Rei
Mércores, 13 de outubro: Palas de Rei-Arzúa.
Xoves, 14 de outubro: Arzúa-Pedrouzo (O Pino)
Venres, 15 de outubro: Pedrouzo (O Pino)-Monte do Gozo.
Sábado, 16 de outubro: Monte do Gozo-Santiago. Esta será a última e máis importante etapa prevista no Camiño, a que nos levará até o lugar onde está previsto que se asine o Pacto Galego contra a Pobreza.
Xa podedes consultar neste mesmo blog, no apartado de Actividades no Camiño, o horario.
Hai actividades no transcurso de cada etapa?
En cada etapa haberá actividades nas que todo o mundo pode participar. Xa podedes consultar neste mesmo blog, no apartado de Actividades no Camiño, as previstas en cada etapa, lugar e hora.
Pode ir calquera persoa?
Calquera persoa pode participar no Camiño polo Pacto Galego contra a Pobreza. O obxectivo é facer o camiño en grupo e conseguir que os e as peregrinos/as que veñen doutros puntos coincidan e se sumen á causa do Pacto Galego contra a Pobreza.
Hai que ir todo o tempo na comitiva?
Claro que non, o Camiño polo Pacto pode facelo todo o mundo que queira e ao seu propio ritmo.
Haberá algún tipo de distinción para as persoas que participen no Camiño polo Pacto, e manifestos para facilitar a difusión da campaña. A persoas que coñezan a iniciativa, se o desexan, poderán explicar aos grupos de peregrinos/as que atopen polo camiño a campaña polo Pacto.
Esperamos que o grupo que camiñe pola Loita contra a Pobreza sexa numeroso.
Ten algún custo participar no Camiño polo Pacto?
O mesmo custo que terían as etapas do camiño que quixerades facer pola vosa conta: o que queremos é que vos animedes a poñer unha causa compartida a vosa andaina.
Fanse reservas nos albergues para as persoas que fan o Camiño polo Pacto?
Non haberá ningún tipo de organización loxística extraordinaria. Cada persoas deberá buscar aloxamento pola súa conta.
Haberá buses de volta unha vez rematado o Camiño?
Como xa comentamos, non haberá ningún tipo de loxística extraordinaria. Se trata dun encontro de xente que camiña polo fin da pobreza e os seus camiños coinciden nestes 6 días.
Hai seguro médico para as persoas que fagan o Camiño polo Pacto?
Cada persoa que faga o Camiño, como pasaría no desenvolvemento normal dunha etapa, é responsable da súa propia saúde.
Hai que facer todo o camiño ou pódese facer unha etapa, ou parte dunha etapa?
O que cada persoa desexe. Non hai limitacións de ningún tipo.
Se non podo facer ningunha parte do camiño, hai outro xeito de apoiar a iniciativa?
A última etapa, dende o Monte do Gozo ate Santiago de Compostela, o mesmo día no que está prevista a sinatura, é especialmente importante. Tamén podedes estar presentes na zona onde se ten prevista a firma do Pacto xa en Santiago (Salón Noble da Universidade de Santiago, en Fonseca). Tamén podedes divulgar esta campaña entre todos os vosos contactos, afondar máis nos motivos e consecuencias da sinatura do Pacto Galego contra a Pobreza e coñecer o seu contido, e participar nas campañas contra os recortes sociais que actualmente están en marcha en todo o Estado.
Teño que ser dunha asociación, organización ou ONG para participar no Camiño?
Por suposto que non. Calquera persoa que queira pode facer o Camiño de Santiago, co cal, tamén pode participar no Camiño cara o Pacto Galego contra a Pobreza! Vémonos no Camiño!
Teño máis dúbidas, como podo saber máis?
Podes preguntar máis dúbidas en caminho.polo.pacto@galiciasolidaria.org